« Novas
A Cociña do Mar de Emgrobes promociona a escupiña e o muxo
08/10/2026 — 0 Comentarios
A Festa do Marisco acolleu un ano máis a tradicional actividade A Cociña do Mar, organizada por Emgrobes. Nesta ocasión o chef meco Manuel Domínguez, do restaurante Senlleiro, así como os cociñeiros Alberto Sobral e Rocío Garrido, foron os encargados de presentar ao público unhas propostas culinarias que tiñan ao muxo e á escupiña de protagonistas.O mirador da lonxa do Grove, onde se levou a cabo o cociñado, quedou pequeno para que os asistentes degustasen as distintas recetas maridadas con viño D.O Rías Baixas. Domínguez presentou ao público escupiña en gazpacho de mazá e xalapeños, e muxo en allada con patacas chips. Pola súa parte Sobral elaborou as escupiñas en salsa menier e o muxo en falsa caldeirada. Houbo un terceiro pase de tapas para conquistar aos asistentes, da man de Rocío Garrido, quen preparou escupiñas en tartar de mango e tomate, por unha banda, e muxo curado con verduras e algas pola outra. Ata o cociñado achegouse onte a conselleira do Mar, Marta Villaverde e o deputado Marcos Guisasola que puxo en valor a cita gastronómica meca. Ambos probaron as elaboracións xunto ao alcalde Jose Cacabelos e a concelleira de Turismo, María López, presidindo a ateigada sala.
Toca a imaxe para ampliala. Esc para pechar.
Comentarios
Aínda non hai comentarios para esta nova
Galego
Castelán
Inglés
Francés
Portugués