Tradición

A Festa do Marisco é unha celebración profundamente enraizada na identidade do Grove, unha vila mariñeira das Rías Baixas. Dende 1963 destaca non só pola súa oferta gastronómica, senón tamén como símbolo da relación histórica entre a veciñanza e o mar. A pesca e o marisqueo veñen de xeracións atrás e seguen sendo dos motores económicos e culturais máis importantes da zona.

Cada mañá, mariscadoras e mariscadores comezan a xornada con ferramentas tradicionais para recoller o marisco. Este traballo, feito en harmonía co medio natural, garante a sustentabilidade dos recursos e preserva técnicas transmitidas de xeración en xeración. Durante a Festa do Marisco, ese esforzo compártese coas persoas visitantes, que poden coñecer de preto o modo de vida das comunidades mariñeiras.

En máis de 60 anos de historia, a festa foi incorporando exposicións, música tradicional e actividades para todos os públicos, que poñen en valor non só o marisco como produto estrela, senón tamén os costumes e os valores da comunidade. Esa combinación de tradición, cultura e gastronomía converte a Festa do Marisco nunha experiencia única, con sona máis alá de Galicia.

Máis información