« Novas

Carpas de artesanía e agasallos da Festa do Marisco

05/10/2026 — 0 Comentarios

A 63º edición da Festa do Marisco dispón este ano de dúas carpas con oferta complementaria no recinto, xunto á zona de concertos que xa é un espazo fixo. Trátase da carpa de artesanía, rexentada un ano máis pola colareira Montse Betanzos, cunha grande mostra de artigos, maiormente colares, feitos con cunchas mariñas. Betanzos continúa a poñer en valor este antergo oficio do Grove, con douscentos anos de historia. A colareira reinventa este legado misturando tradición e modernidade. Con elo contribúe a seguir difundindo o oficio nun grande escaparate como é a cita gastronómica.

Xunto a ela, do outro lado da estatua da familia mariscadora, atópase este ano a carpa de agasallos, un espazo que levaba máis de tres anos deserto, e que este ano xestiona, por primeira vez, a asociación de creadores Grovemakers. Nela, os asistentes á cita poderán atopar produtos que promocionan a festa e tamén as súas propias pezas, deseñadas e estampadas por eles mesmos. Un lugar con certo compoñente artesanal, onde se atopan referencias a elementos e paisaxes tanto do Grove como de Galicia. A súa oferta vai dende o textil ata a ilustración - enmarcada ou non- , as cuncas ou distintos complementos para decorar ou para vestir. É unha boa ocasión para achegarse a coñecer unha parte do talento existente na localidade. Nesta ocasión participan catro socios, dos nove socios que compoñen a entidade.

Comentarios

Aínda non hai comentarios para esta nova

Sé o primeiro en comentar